15327486_1825209091082901_3168247033163420026_n

Proxectos

Teatro Gradín

14 Dec , 2016  

Teatro Gradín créase nas festas de Vilariño, en Cambados, no verán de 2016, ao tempo que a Orquestra Capitol interpretaba “Vuelve” de Juan Magán e Paulina Rubio, o seus integrantes: Miguel Gendre e Miguel Torres.

No Matadoiro levarán a cabo o seu primeiro proxecto xuntos, “Pensamentos socráticos para unha revolución”. Un traballo que terá un proceso de dous meses, desde decembro a xaneiro, todos os luns, martes, mércores e venres de 18h00-20h00,  para o que empregarán o espazo como lugar de creación teatral.

Din eles sobre o propio espectáculo:

Acaso non semella unha frivolidade facer teatro hoxe? Un capricho illado, un analxésico, unha viaxe opiácea, un simple divertimento cara onde levar as inquedanzas do EU máis egoísta? Pode o teatro trascender os límites do valado onde se produce e facerse pobo?

Máis alá do capricho érguese a necesidade natural de actuar, a necesidade natural do traballo: facer teatro co sentimento inexorábel do corpo que se somerxe nas entrañas da terra; facer teatro coa sinxeleza muda do carpinteiro; traer ao espazo escénico o frío do inverno que bate na cara do mariñeiro. Teatro. Traballo. Suor. Cansanzo.
Mais quizais isto non sexa posible. Quizais o teatro sexa nada máis que ruína romántica, lugar contemplativo, alimento espiritual, estético, paisaxístico, espazo a onde se ir deitar, atender ao lume do crepúsculo e suspirar.

Teatro Gradín busca no Matadoiro un lugar de encontro, colaborativo e de traballo común  para as escénicas na cidade.

Miguel Torres é Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Compostela. Comezou a facer teatro na compañía universitaria Tik e Tak, pasando pola Aula de Teatro da USC e formando parte da compañía GN. Traballou como actor profesional no espectáculo “Hombres Bisagra”, de Matarile Teatro. Tén feito cursos de interpretación, clown, voz, danza e creación escénica.

Miguel Gendre comeza a súa andaina no mundo teatral no ano 2003 na Asociación Cultural “O Galo”. Fórmase en teatro en cursos con diferentes creadores e compañías: Iaroslav Bielski, Nuria Sanz, Voadora Teatro, Joel Beddows etc. Participa como actor da compañía de Teatro da USC en 4 montaxes e forma parte de GN Teatro en outras dúas.  No eido da danza, fórmase con compañías e bailaríns como: Amparo Novas, Victor Hugo Pontes, La Macana, La Intrusa, Iker Gómez, Paula Quintas, Maximiliano Sanford, Los Innato etc. Así mesmo, participa nun encontro de artistas mozxs en Londres e Francia (DATW).

 

By


Comments are closed.