luzes

Novas, Programación

A nación das mulleres: do teito de cristal ao cantil de cristal

15 Dec , 2016  

A Revista Luzes e Nós Televisión inauguran este 22 de decembro 2016 no Matadoiro Compostela un novo espazo de encontro para a análise e o debate baixo o título: «A nación das mulleres. Do teito de cristal ao cantil de cristal».

Presentado polo codirector da revista Luzes, Manuel Rivas, e moderado pola súa administradora, Ana Luisa Bouza, no acto participarán catro mulleres que ocupan actualmente cargos de representación pública: Alexandra Fernández, deputada e voceira de En Marea no Congreso; Ana Pontón, voceira nacional do BNG e voceira do BNG no Parlamento de Galicia; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e membro da Executiva do PSOE e Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo en Santiago de Compostela.

O coloquio terá lugar ás 20h00 no Salón de Actos e versará sobre as causas e consecuencias da incorporación de mulleres a novas posicións de liderado político. Nos últimos meses e procesos electorais ou de renovación interna dos partidos galegos, as mulleres teñen asumido postos de reponsabilidade e liderado máis relevantes que nas décadas anteriores. Está a rachar na política galega o teito de cristal? Están as novas lideresas nun cantil de cristal? Ten a súa presenza repercusión na axenda política? Son algunhas das preguntas que se formularán tentando dar resposta a este fenómeno.

Baixo o título Nós Espazo Luzes, este acto é o primeiro no que colaboran a revista Luzes e Nós Televisión, que se encargará da parte técnica necesaria para a filmación do encontro. Cunha periodicidade mensual, esta colaboración nace con vontade de manter a súa continuidade a partir de xaneiro de 2017.

Nós Espazo Luzes
Organizan: Nós Televisión e a Revista Luzes
Data e hora: xoves 22 de decembro 2016 ás 20.00 h no Salón de actos de Matadoiro Compostela.
O evento será gravado, o resultado tomará formato televisivo, que levará por nome “Nós, espazo Luzes“.

flyer_luzes_nos

 

By


Comments are closed.