16406715_1732506383731897_9204712630513023134_n

Novas, Programación

Seráns dos comúns. Mudando comunidades

10 Feb , 2017  

Nun contexto de crise ambiental e social como o actual, o desenvolvemento de prácticas en clave de sustentabilidade –agricultura, gandeiría ecolóxica e respecto animal, uso sustentábel dos solos, construcións sustentábeis– tiñan que subverter o mantra do individualismo apostando pola articulación dun modelo de gobernanza e xestión comunitaria en prol do ben común.

O proxecto Metamorfose pecha o seu ciclo de actividades cos “Seráns dos comúns”, un espazo no que reflexionar e debater conxuntamente os días 15, 16 e 17 de febreiro 2017 no Matadoiro

Os obxectivos desta proposta son difundir a filosofía e os modelos dos comúns, dotar dun fío condutor ás actividades do Proxecto Metamorfose, reflexionar e debater sobre o común/comunitario e o rural/urbano, abordar aspectos que non se puideron tratar nas outras actividades e abrir novos temas de debate e interese para futuras xornadas.

Traballarase cunha metodoloxía  participativa e para cada un dos espazos de debate deseñaranse dinámicas que promovan  a diversidade de voces buscando unha reflexión colectiva o máis diversa e compartida posíbel.

15 de febreiro – 19h00 Os comúns descoñecidos

As xornadas iniciaranse cunha dinámica de mapeo das cuestións que xs participantes relacionan cos comúns. A partir deste traballo inicial, Fran Quiroga desenvolverá un relatorio sobre os Comúns, as súas claves e lóxicas.

Obxectivos específicos:

  • Dar a coñecer a filosofía dos Comúns

  • Debater sobre as distintas dimensións dos Comúns

  • Incorporar temas e focos de interese dxs participantes

16 de febreiro – 19h00 O corpo como territorio común

O noso corpo, a forma en que temos de coidalo e de empregalo para relacionarnos co resto de persoas constitúe o primeiro espazo de intervención a partir do que construír os comúns. Con Marina Oural, coñeceremos algo máis da nosa linguaxe corporal e as súas dimensións.

Obxectivos específicos:

  • Valorar o papel da linguaxe corporal nas relacións comunitarias.

  • Afondar en debates relacionados cos comúns e os coidados a partir do noso propio corpo.

* Prazas limitadas

17 de febreiro – 19h00 Do rural ao urbano e viceversa

O colapso sistémico das sociedades contemporáneas ten moito que ver coas dinámicas de urbanización masivas. O rural queda despoboado e neste proceso, alén das consecuencias sociais e ambientais, pérdense modelos de xestión comunitaria moi valiosos.

Fuxindo da dicotomía absoluta rural/urbano, a dinámica que se desenvolverá neste bloque fixará a súa atención nos elementos dun e doutro ámbito que poidan servir de motor de cambio;  para ela contarase coa colaboración de catro veciñas de espazos rurais e urbanos.

Obxectivos específicos:

  • Identificar elementos valiosos no noso contexto rural e urbano inmediato

  • Identificar iniciativas (existentes e futuras) para impulsar estes elementos

A xornada rematará cunha foliada comunitaria aberta a quen queira sumarse a ela. 

* As actividades son de balde e enmárcase dentro dos proxectos financiados polos orzamentos participativos para mocidade do Concello de Santiago de Compostela. En calquera caso, prégase inscrición previa para poder contar con todo o material necesario. 

Datas: 15, 16 e 17 de febreiro 2017// Hora: 19h00// Lugar: Matadoiro Compostela

Inscricións: feitoriaverde@feitoriaverde.com ou metamorfosedehabitos@gmail.com

Máis información en: http://metamorfosedehabit.wixsite.com/metamorfose2016

Organiza: Feitoría Verde e Colectivo Barriopía= Metamorfose

 

O Proxecto Metamorfose, nacido do encontro entre Barriopía e Feitoría Verde construíuse arredor dun obxectivo claro, fomentar a través de distintas actividades de sensibilización hábitos de vida saudábeis con nós mesmxs pero sobre todo co contorno. Desde o individuo para a poboación e finalmente para o medio. Unha meta na que a lóxica dos comúns foi tomando cada vez máis forza.

 

By


Comments are closed.