asbrigantias

Convocatorias, Novas

Xogar ao Roller Derby

10 Feb , 2017  

Tras o evento “Roller Derby, un deporte por e para mulleres”, As Brigantias RD ante a boa acollida, queren continuar co seu proxecto de aproximación a este deporte cunha serie de clases prácticas.

Que é a posición Derby? Por que nun adestramento se escoita reiteradamente “baixa o cu”? Para que é importante? Que funcións teñen as bloqueadoras? Que estratexias utiliza a jammer para romper o muro das bloqueadoras? Todo isto e máis vaise pór en práctica co “Sock Derby”e xogarase ao Roller Derby en zapatillas!

Serán 2 horas de adestramento que se iniciarán cun bo quecemento, exercicios específicos en parellas e grupais para desenvolver habilidades e destrezas físicas e fortaleza mental; para finalizar traballo de visionado de partidos.

O Roller Derby é un xogo que dá acollida a todas as identidades de xénero e a corpos diversos. Só cómpre vir preparadas para suar.

A diversión e a adrenalina están garantidas.

Datas: os luns 13, 20 e 27 de febreiro 2017// Hora: 19h00-21h00// Lugar: Matadoiro Compostela

Organiza: As Brigantias Roller Derby

As Brigantias Roller Derby é un clube formado por persoas interesadas en promover os deportes femininos en equipo entre a sociedade coruñesa e compostelá, motivándoa a levar unha vida máis sa por medio da actividade física. O principal obxectivo das Brigantias RD é divulgar a cultura do Roller Derby na cidade da Coruña e Compostela, fomentando a inclusión, diversidade e o respecto entre deportistas.

By


Comments are closed.