25534238523_b87db61c78_o

Proxectos

O proxecto Matadoiro Compostela

15 Feb , 2017  

DSCF1298

Matadoiro Compostela é un proxecto para crear desde cero un espazo de intervención e autoxestión cidadá (xuño-outubro 2016).

O 15 de xuño de 2016 a antiga Casa da Xuventude iniciaba nova andaina, recuperaba o nome industrial, Matadoiro Compostela, e abríase como espazo de intervención e organización cidadá. Esta infraestrutura pública proponse desde entón por parte do Concello da cidade como un territorio para o desenvolvemento de proxectos creativos, a innovación e xerador de comunidades colaborativas multidisciplinares.

Nesta fase piloto traballarase no deseño de ferramentas para a redacción colectiva do borrador que sente as bases do anteproxecto de reforma arquitectónica do edificio.

Detectar necesidades e carencias, recoller propostas e melloras, garantir a súa sustenbilidade e integración, así como posibilitar espazos de xestión cidadá e de produción cultural e social son obxectivos desta proposta. No xermolo, ir máis alá de modelos baseados nos contidos estándar enlatados.

Unha folla de ruta redactada desde as usuarias e usuarios para a administración, que acompaña o proceso de elaboración do anteproxecto de reforma e adecuación do edificio: suplir as carencias e limitacións actuais e establecer as bases da futura xestión como espazo de innovación social.

Ubícase na antiga Casa da Xuventude, un edificio de 1600 m2 convertido en territorio aberto para desenvolver proxectos creativos ou sociais e que pretende ser xerador de comunidades produtivas que traballen dun xeito colaborativo e multidisciplinar.

Aberto e colaborativo

O uso do espazo é libre e de balde. A xestión e programación lévase a cabo dun modo asembleario entre quen participa del.

Mediación cultural

Desde xuño a outubro de 2016 desenvolvouse un proxecto experimental de Mediación Cultural: comúns e instituíntes “Espazos creativos, espazos cidadáns”, co obxectivo de achegar unha plataforma de escoita, coidados e colaboración para a súa construción.

logo comunesgal

Así mesmo, levouse a cabo unha convocatoria pública de proxectos de intervención das diversas salas do edificio e mesas de traballo para pensar e argallar colectivamente o futuro modelo para este espazo cultural.

Comúns e Instituíntes é un proxecto de xestión de espazos e comunidades creativas. Xorde a partir do Obradoiro de Mediación Cultural: que flúa!, levado a cabo en Santiago de Compostela por David Rodríguez e Jordi Claramonte, canda un grupo de traballadorxs e axentes culturais do Concello e da cidade.

Coordinan o proxecto:

  • David Rodríguez. Artista e mediador cultural, participou na creación de proxectos antagonistas, tales como Las Agencias, SCCPP.org, La Tabacalera de Madrid, entre outros. El xa traballou nas comunidades creativas e produtivas riando das favelas de Brasil para Medialab Prado. E si, é madrileño! www.tinapaterson.com
  • Natalia Veiga. Vén do equinoccio de primavera, do xogar o día todo na rúa, do mar, do monte e da Filoloxía. No eido profesional desenvolveuse sobre todo na docencia da Lingua e a Literatura e mais na mediación cultural. Desde aí, o seguir a escaravellar para descubrir o que a remexe: argallar desde o espazo en que se atopa, participar e traballar coas comunidades da vida e a memoria dos lugares desde o relato íntimo e o común. As palabras, a escoita, os coidados, os afectos, a axitación e sempre ir máis alá do aparente, o que lle presta. No Matadoiro Compostela, veciñanza e barrio ha procurar que pasen por ela.

matadorio4

By


Comments are closed.